981 06 54 60 (de 7,30 h a 19,30 h) / 696 966 362 (WhatsApp) hola@monchoborrajo.es

MONCHO BORRAJO NA FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA

Moncho Borrajo coas autoras Aida Soilán e Pilar Durán na feira do libro da Coruña

O pasado día 5 de agosto, Moncho Borrajo pechou o seu ciclo de xira polas feiras do libro de Galicia asinando exemplares da súa obra Escolma do Humorismo Gráfico de Moncho Borrajo no certame máis importante dos que se celebran na nosa comunidade, a Feira do Libro da Coruña.

O cómico e artista gráfico acolleu coa simpatía e cordialidade que o caracterizan a cantas persoas se achegaron pola caseta da Libraría Arenas para recoller a súa sinatura, pero tamén a de amigos que foron visitar, como o caso do debuxante Siro López, con quen o une unha vella amizade. Ambos artistas compartiron uns gratos momentos de conversa e mesmo Borrajo animouse a facerlle unha caricatura a Siro —o mestre da especialidade por excelencia— que cando lla entregou celebrou con grande balbordo. Foron uns momentos no que tamén o público que circulaba pola feira parábase ao recoñecer aos dous artistas e mesmo querían facerse fotos con eles.

Despois deste evento, Moncho Borrajo confirmou que non podería asistir, como sería o seu degaro, ás demais festas do libro que aínda estaban por celebrarse en Galicia, como as de Viveiro, Foz e Monforte, pero compromisos artísticos e particulares adquiridos con anterioridade obrigábanlle a renunciar a esas visitas moi ao seu pesar.

De calquera maneira, o libro segue a estar presente nos andeis das librerías de Galicia e mesmo aquelas persoas interesadas en adquirilo tamén poden facelo a través desta mesma páxina web.