981 06 54 60 (de 7,30 h a 19,30 h) / 696 966 362 (WhatsApp) hola@monchoborrajo.es

PRESENTACIÓN DE “ESCOLMA DO HUMORISMO GRÁFICO DE MONCHO BORRAJO” NA LIBRERÍA ARENAS, DA CORUÑA.

Moncho-Borrajo-firma-libros-librería-arenas

O pasado día 26 de abril, ás 20 horas, celebrouse o acto de presentación do libro de Moncho Borrajo Escolma de humorismo gráfico de Moncho Borrajo, na Librería Arenas, da Coruña. O artista multidisciplinar estivo acompañado polo presidente e o vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido, Ramón Tudela e Pedro X. Blanco Llano, respectivamente; e polo exalcalde da Coruña e exembaixador de España ante a Santa Se, Francisco Vázquez Vázquez.

O acto comezou coa intervención de Ramón Tudela, xustificando a presenza da Fundación no evento, en razón de ser unha entidade de recente creación que foi apoiada dende o primeiro momento por Moncho Borrajo, e en correspondencia agora a Fundación promove e patrocina a edición deste libro. O propio Moncho Borrajo é o deseñador da imaxe corporativa da Fundación Santo André de Teixido, ademais de deseñar diferentes carpetas de láminas con debuxos alegóricos á peregrinación sanandresiña e outras colaboracións en defensa dos intereses e valores que promove a Fundación.

De seguido, Pedro Blanco, que á par de ostentar a vicepresidencia da Fundación foi o responsable da edición do libro, explicou polo miúdo as características desta edición, destacando que é o compendio dos cinco volumes publicados por Moncho Borrajo na súa traxectoria como artista gráfico. Dende 1980, cando publica o primeiro, “Moncho y Yo”, e os sucesivos: “Moncho y Tú” (1986), ¡Pobres Míos! (1987), Animaliños (1988) e Gatos (2008). Todos eles libros esgotados nas librerías dende hai moito tempo, o que xustifica que se faga esta nova edición, unificando criterios de presentación en canto á uniformidade no tamaño das viñetas, pero á súa vez perfectamente diferenciados mediante cores identificativas para o contido de cada libro. Indicou tamén que por primeira vez faise en edición bilingüe, galego e castelán, para permitir que o volume, de grande formato, poida comercializarse en todo o territorio español, toda vez que no seu día, cando foron saíndo individualmente, aqueles títulos publicados en galego non tiveron versión en castelán e polo tanto non se puideron vender fóra de Galicia.

Falou en terceiro lugar Francisco Vázquez, referindo multitude de anécdotas referentes á súa longa traxectoria de amizade con Moncho Borrajo, dende cando promoveu a través dun amigo hostaleiro coruñés a primeira actuación de Borrajo na cidade, ata cando, sendo el alcalde, o propuxo en diferentes ocasións para facer de pregoiro das festas de María Pita. Pero tamén comentou outros recordos persoais de relación mutua, case todos eles cómicos, que o público presente celebrou con grandes gargalladas. Foi un acerto contar neste acto con Paco Vázquez, porque sen dúbida a retranca galega que amosa Borrajo nos seus debuxos e espectáculos, é ben correspondida polo exalcalde con solvencia máis que suficiente.

Por último, pechou as intervencións o propio Moncho Borrajo agradecendo a asistencia de público, a organización do acto e aos participantes as súas intervencións, así como a inestimable colaboración do libreiro Manuel Arenas, para pasar de camiño a contar decenas de anécdotas e comentarios salferidos de graza e imaxinación, que ao cabo non deixou de ser unha pequena actuación das súas entre amigos.

Podemos dicir que foi un acto verdadeiramente entrañable, onde quedou de manifesto que por unha parte era día de celebración por presentar un novo libro, que sempre se agradece, pero tamén que Moncho Borrajo segue a ser esa figura estelar dos escenarios españois con público fiel e seguidor que en moitos casos descoñecían a faceta de artista plástico fóra dos teatros e apresurouse a mercar o volume para recoller a súa sinatura personalizada.

O evento rematou pasadas as dez da noite para que Borrajo puidese corresponder aos seus admiradores plasmando non só a súa dedicatoria, senón tamén, case sempre, facendo a cada un un debuxo alegórico e persoal nas primeiras páxinas de cada libro. Un éxito rotundo que de certo hase de ir repetindo en datas sucesivas ao longo do que resta de primavera e durante todo o verán, porque Borrajo vai estar nas Feiras do Libro que se celebran por toda Galicia e tamén asinará exemplares en diferentes centros comerciais.

Estean atentos, que isto non fixo máis que comezar.