981 06 54 60 (de 7,30 h a 19,30 h) / 696 966 362 (WhatsApp) hola@monchoborrajo.es

MONCHO BORRAJO DÁ O PREGÓN DA IV MOSTRA DO VIÑO BRANCO LEXÍTIMO DE PADERNE

Borrajo pronunciando o pregón en presenza do Alcalde César Longo

O pasado domingo día 2 de xullo, ás 13:00 horas, baixo un sol de xustiza e nun recinto feiral de Paderne ateigado de xente, Moncho Borrajo deu lectura ao pregón da Mostra do Viño Branco Lexítimo na súa cuarta edición. Logo de asistir á entrega de medallas e galardóns aos adegueiros participantes na mostra, tocoulle a quenda a Borrajo, que foi presentado polo Alcalde César Longo Queijo, facendo un discurso en verso moi agradecido cos aplausos do público asistente. O propio Alcalde xa anunciara na presentación que sendo coñecedor do pregón antes de que Borrajo o pronunciara, se ían facer copias e enmarcalas para que estivesen á vista dos clientes nos establecementos de hostalaría da localidade.

Da súa autoría foi tamén o cartel da mostra deste ano, que tivo grande aceptación e suscitou diversos comentarios entusiastas pola súa factura e orixinalidade.

Unha vez rematada a intervención, rodeado dun grupo de amigos, entre os que se atopaban o Presidente e o Vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido, Borrajo xirou unha visita á mostra departindo cos expositores e probando o viño, como corresponde nun evento destas características, non sen antes ofrecerse ao Alcalde e ao pobo de Paderne para que conten con el sempre o que o necesiten, mesmo se desexan que para a seguinte edición lles faga outro cartel anunciador.

Coas consabidas solicitudes dos seus admiradores de facerse unha foto ao seu carón para ter un recordo persoal, ás que sempre corresponde coa mellor disposición, completouse a xornada.

Nas fotos que se acompañan dáse conta de diversos momentos do acto.