981 06 54 60 (de 7,30 h a 19,30 h) / 696 966 362 (WhatsApp) hola@monchoborrajo.es

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “CAMIÑOS” DE MONCHO BORRAJO PROMOVIDA POLA FUNDACIÓN SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO

O venres, un de decembro, ás sete da tarde, inaugurouse na Sala Carlos III, de Exponav (Exposición Nacional da Construción Naval), en Ferrol, a exposición “Camiños” de Moncho Borrajo, promovida pola Fundación Santo André de Teixido.

Case cincuenta obras pictóricas e escultóricas que resumen o labor nas artes plásticas do coñecido actor cómico por mais de cincuenta anos e que case se podería considerar como antolóxica, debido á gran variedade de técnicas e enfoques que o artista de Baños de Molgas presenta nun espazo verdadeiramente emblemático como é o edificio Ferrerías do Arsenal ferrolán. Todo un luxo de espazo expositivo ao que tivo acceso a Fundación Santo André de Teixido logo dun acordo de colaboración coa Fundación Exponav.

A mostra permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro de 2018 e aínda así no acto de inauguración xuntouse unha cumprida representación da sociedade ferrolá e como non podía ser menos destacados artistas locais (Eduardo Hermida, José Rubio Gascón, Carlos Barcón, Margarita Orduna —a viúva do desaparecido pintor e almirante Miguel Fernández—, entre outros), coñecidos de Moncho Borrajo ou simplemente interesados en descubrir o labor deste artista, en tantos casos descoñecedores da obra plástica de alguén que se caracteriza pola súa popularidade a través dos escenarios españois e polos medios de comunicación.

Sen embargo, Borrajo leva pintando ou esculpindo dende a súa xuventude, cando estudou as carreiras de Belas Artes e Arquitectura Técnica en Valencia, mais en Galicia expuxo poucas veces, de aí ese descoñecemento.

Os comentarios eloxiosos entre os asistentes xurdiron de camiño ao comprobar as habelencias e oficio que a obra amosada representa e o complemento informativo en forma de catálogos e publicacións doutras exposicións en diversos cidades de España dende os anos setenta, cos comentarios dos máis afamados críticos de arte avalando ese quefacer longo e demorado, que leva a recoñecer a Borrajo como un dos máis significados artistas plásticos de Galicia, á altura de calquera outros do seu tempo

A Fundación Santo André de Teixido ten a gala ter feito de fío conductor para que esta magna exposición se puidese levar a cabo nunha cidade como Ferrol, onde a querencia polas Artes Plásticas forman parte da idiosincrasia local dende tempos inmemoriais. Motivo que o propio Borrajo apoiou dende un primeiro momento, sen prexuízo de pensar en poder levar a mostra por outras salas e cidades de Galicia.

Os cadros e esculturas expostas están a disposición do público nun rango de prezos moi axustados co fin de difundir o labor do artista e facelo asequible a todos os interesados.